Cartel conferencia. COAG Ourense copia web

O Colexio de Arquitectos de Galicia resalta o valor do deseño arquitectónico e da planificación urbana para garantir o benestar das persoas e mellorar a súa calidade de vida no Día Mundial da Arquitectura

Baixo o lema “Deseño para a saúde”, reivindica o papel da boa arquitectura como transformador de realidades sociais e nexo entre a contorna construída e o medio natural

As delegacións colexiais organizarán premios, conferencias, exposicións, rutas arquitectónicas e mesmo un concurso de debuxo infantil a vindeira semana

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) conmemorará o vindeiro luns, 3 de outubro, o Día Mundial da Arquitectura, de acordo á convocatoria anual da Unión Internacional de Arquitectos (UIA) e do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) –efeméride que se celebra en paralelo co Día Mundial do Hábitat das Nacións Unidas–. Celebraranse unha serie de actividades nas delegacións colexiais nesta Semana da Arquitectura.

Este ano o lema do Día Mundial da Arquitectura é “Deseño para a saúde”, co que os arquitectos e arquitectas queren resaltar o valor do deseño arquitectónico e da planificación urbana para garantir o benestar das persoas e mellorar a súa calidade de vida individual e colectiva, transformando realidades sociais e reducindo a desigualdade. “A boa arquitectura protexe, desenvolve e restaura a saúde medioambiental, humana e animal fronte á aparición de enfermidades e reforza a conexión entre a contorna construída e o medio natural” [Extracto da Declaración da Unión Internacional de Arquitectos (UIA)].

A pandemia da covid-19 revelou a importancia dos lugares que se habitan na saúde física e mental. O illamento dos interiores, a accesibilidade, as dimensións da vivenda, as ventás, a existencia ou non de terrazas, o ruído, a flexibilidade e a funcionalidade dos espazos... Todo isto inflúe na saúde da vivenda e, por extensión, na saúde das persoas, pero tamén o fai a contorna inmediata. O deseño de rúas e avenidas, a súa accesibilidade e tamén o seu mobiliario urbano, a existencia ou non de zonas verdes e de equipamentos deportivos e culturais, así como unha mobilidade urbana sostible son aspectos ligados á estrutura das contornas urbanas que condicionan e, nalgúns casos, determinan a saúde.

Por iso, neste Día Mundial da Arquitectura, o colectivo fai fincapé na necesidade de que a rehabilitación de vivendas e edificios e a rexeneración de barrios con cargo aos fondos europeos Next Generation se acometa con ambición e desde unha perspectiva integral e ampla para que as axudas contribúan a impulsar a transformación profunda que require o parque edificado e beneficien ao maior número de persoas.

Os efectos innegables do cambio climático e a crise enerxética que provocou en Europa a guerra de Rusia contra Ucraína fan fundamental a redución das emisións contaminantes que xera o parque edificado, responsable do 36% dos gases de efecto invernadoiro, e a dependencia enerxética. “Xunto coa diminución da demanda e os consumos enerxéticos, non se debe esquecer a mellora da accesibilidade dos edificios e dos barrios con intervencións que redunden no benestar e a saúde das persoas e que preserven o futuro do planeta e as singularidades das vilas e edificios, porque a súa idiosincrasia forma parte indisoluble da identidade colectiva” –manifesta a decana do COAG, Elena Ampudia–.

Os retos son inxentes, complexos e esixen a complicidade de profesionais, Administracións Públicas e da iniciativa privada para planificar e construír ese futuro mellor ao que todos aspiramos e ao que os arquitectos e arquitectas queren contribuír, de forma activa, con todo o seu coñecemento técnico e humanístico para avanzar cara a unha sociedade máis saudable, xusta e sostible sen renunciar á beleza, tal e como prescriben a Declaración de Davos, a Nova Bauhaus Europea e a Lei de Calidade da Arquitectura.

 

DELEGACIÓN

ACTIVIDADES SEMANA DA ARQUITECTURA

A CORUÑA

Iniciativa “Coruñeando”: Ruta pola Pescadería e un paseo en bicicleta,

VMP e patíns por Riazor e Orzán

FERROL

    Charla-coloquio "Arquitectura fronte ao océano. Espazos en relación coa

natureza e a paisaxe” na Casa da Cultura do Concello de Valdoviño

VIGO

     Exposición “Arquitectura do Camiño” no marco do festival Galicia Design Weekend na sede da delegación viguesa

OURENSE

Conferencia de Fernando Nebot: “A mobilidade motorizada secuestrou

o espazo público” no Liceo de Ourense

SANTIAGO

Entrega do recoñecemento “Arquitectura para un mundo mellor” a José Otero Pombo nunha cea de confraternización de colexiados/as

PONTEVEDRA

Exposición “Obras Galegas Premiadas na XV Bienal Española de

Arquitectura e Urbanismo”, ciclo IV Triálogos de Arquitectura,

I Concurso de Debuxo Infantil e conferencia do arquitecto portugués

Gonzalo Byrne

 

--

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DA CORUÑA

TEMA.- Iniciativa “Coruñeando”: Ruta pola Pescadería e un paseo en bicicleta, VMP e patíns por Riazor e Orzán

A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos organiza dous novos paseos físicos e virtuais con motivo do Día Mundial da Arquitectura. Este ano a iniciativa “Coruñeando”, que cumpre a súa segunda edición, terá como novidade unha ruta pola Pescadería e un paseo en bicicleta, VMP e patíns por Riazor e Orzán.

As dúas xornadas serán de mañá, gratuítas, cunha duración de dúas horas e abertas á cidadanía para coñecer e valorar o patrimonio arquitectónico da cidade. A primeira delas será o sábado 8 de outubro ás 12 horas. Iniciarase no Mercado de San Agustín e percorrerá a Pescadería, especialmente a rúa de San Andrés centrándose en edificios con valor artístico como La Llave, a Casa Formoso, a Casa Solla, o edificio de Bouret, a Casa de los Elefantes na rúa do Orzán e varios edificios da rúa Galera. Será un paseo a pé, onde membros da delegación coruñesa do COAG xunto con colaboradores explicarán como se articulou este barrio e como se produciu o tránsito do Modernismo ao Racionalismo na cidade da Coruña.

A segunda ruta, cun carácter experimental, fusiona a arquitectura coa mobilidade e relacionando diversas formas de desprazamento coa visita a arquitecturas contemporáneas, situadas un pouco máis distantes entre si, pero cunha historia fascinante. Iniciarase o domingo, 9 de outubro, ás 12 horas, no Muncyt e pasará polo Conservatorio Superior de Música, o Palacio dos Deportes, Villa Molina e a Casa do Sol, terminando na Domus. O paseo realizarase en bicicleta, patinete e patín, aínda que como o ritmo será cómodo tamén se poderá facer andando. Con esta ruta quérese poñer en valor a arquitectura contemporánea e o labor integrador dalgún destes edificios en barrios como Agra do Orzán, Labañou e Montealto, ademais de explicar a odisea construtiva da cuberta do Palacio dos Deportes ou a singularidade de Villa Molina como parte das vivendas de Cidade Xardín.

Os mapas e descricións das rutas estarán na web divulgativa da arquitectura coruñesa https://coruneando.com/, que ten como obxectivo que cidadáns e visitantes poidan facelos en calquera momento descargando o mapa no seu teléfono móbil, xa que conta coa xeolocalización dos edificios e o link á información de cada un.

Coruñeando é unha iniciativa da Delegación da Coruña do COAG e as xornalistas coruñesas Montse Barba e Arantxa Freire que pretende divulgar o patrimonio arquitectónico da cidade a través de visitas guiadas, tanto físicas como virtuais. O proxecto iniciouse coa construción dunha web (https://coruneando.com/) en 2021 e conta xa con dúas rutas iniciais polo Ensanche e polo centro dos Cantóns e a Marina. Con estas dúas novas rutas serían catro os paseos descargables.

Cada un dos edificios conta cunha ficha virtual coa historia do edificio, o contexto no que foi creado e os arquitectos que o crearon, así como fotos realizadas polo fotógrafo Mario Entero. Como di na web: “O proxecto quere propiciar o debate entre coruñeses e visitantes sobre a cidade que queren e destacar algunhas das súas obras arquitectónicas. Levantar a vista cara aqueles lugares polos que se pasou mil veces, para deterse e aprecialos mellor. Porque para amar e protexer algo é necesario coñecer o seu valor”.


COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE FERROL

TEMA.- Charla-coloquio "Arquitectura fronte ao océano. Espazos en relación coa natureza e a paisaxe” na Casa da Cultura do Concello de Valdoviño

Un ano máis, todos os arquitectos do mundo están chamados a celebrar o Día Mundial da Arquitectura e o Hábitat que este ano quere poñer o foco na importancia de orientar o deseño arquitectónico e a planificación urbana cara a mellora da saúde física e mental das persoas.

Desde a Delegación de Ferrol do COAG explican que e arquitectura e o urbanismo teñen como unha das súas funcións fundamentais a creación de espazos para o home. Tendo en conta que o entorno construído ten un impacto na saúde das persoas que o experimentan, o deseño para a saúde e o benestar debe ser un compoñente fundamental incrustado en cada proxecto, para cada práctica, e a calquera escala.

Que debe proporcionar o entorno construído ás persoas para que poidan crecer e prosperar? Cal é a relación máis saudable entre a natureza e o medio construído, e como poden os arquitectos fomentar e protexer esa relación?

Co obxectivo de incrementar a concienciación do público e actores clave no impacto do deseño na saúde e benestar, a Delegación de Ferrol do Colexio de Arquitectos de Galicia levará a cabo baixo o lema "Arquitectura fronte ao océano. Espazos en relación coa natureza e a paisaxe” unha charla-coloquio o vindeiro luns 3 de outubro ás 19:00 horas na Casa da Cultura do Concello de Valdoviño, aberta a todo o público.

A vivenda e o espazo doméstico é o espazo primordial da vida e, polo tanto, está destinado a ser o primeiro paso na procura desa vida feliz e saudable. Pero tamén son necesarios espazos de relación e cultura, como o proxectado por Manuel Gallego Jorreto en Valdoviño e que será o marco e escenario deste encontro.

Na charla analizaranse algúns exemplos emblemáticos desta procura da “boa vida” desde o proxecto comunitario Sea Ranch na costa oeste dos Estados Unidos ata as casas de Manuel Gallego na costa atlántica galega.

Tras esta breve charla levada a cabo polos arquitectos José Manuel López Leira e Manuel Amable Romero Pérez, abrirase unha mesa de debate e coloquio que finalmente se ampliará coas intervencións de todos os asistentes.

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE SANTIAGO

TEMA.- Entrega do recoñecemento “Arquitectura para un mundo mellor” a José Otero Pombo nunha cea de confraternización de colexiados/as

Con motivo da celebración do Día Mundial da Arquitectura, a Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos organizará o vindeiro sábado, 8 de outubro, unha cea de confraternización para os colexiados e colexiadas da demarcación, que se celebrará ás 21:30 horas no Hotel Monumento San Francisco de Santiago. No marco deste encontro, farase entrega da primeira edición do recoñecemento profesional “Arquitectura para un mundo mellor” ao promotor compostelán José Otero Pombo. No acto participará o recoñecido arquitecto Víctor López Cotelo, autor de varias das obras de arquitectura residencial que o homenaxeado promoveu na cidade de Santiago de Compostela e que foron obxecto de recoñecemento e premios a nivel internacional.

José Otero Pombo (Santiago, 1945) é enxeñeiro Técnico Industrial con máster en Urbanismo pola Escola de Economía e Dereito García de Enterria de Madrid, ademais de ser axente da Propiedade Inmobiliaria e administrador de Fincas e dispor doutras titulacións de marketing e dirección de empresas. Iniciouse no oficio de construtor e promotor en 1996 e é o administrador único da empresa Construccións Otero Pombo. Foi o primeiro construtor/promotor privado en recibir o primeiro premio da Bienal de Arquitectura Española en 2003. Tamén ten outras distincións, como o Premio Manuel Beiras en 2004, a Medalla de Ouro do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos Industriales de España en 2011 e a Medalla de Ouro da Asociación de Promotores y Constructores de España (APCE) en 2012.

Nos últimos anos, as actuacións de Construccións Otero Pombo están orientadas á rehabilitación e posta en valor de antigas fábricas de curtidos, vaquerías e actuacións en espazos degradados en superficies en contacto co casco histórico da cidade de Santiago de Compostela. Destacan a vaquería Carmen de Abaixo, a fábrica de curtidos Ponte Sarela, as vivendas de Caramoniña, proxectos na Alameda-Casas do Rego-Cubeiro-Avio-Pontepedriña de Arriba, o Inferniño apartamentos turísticos en Santiago, ou un xeriátrico ou residencia asistida en Horta (Barcelona).

Nos últimos anos, as edificacións foron visitadas por alumnado de escolas de arquitectura de España, Francia, Inglaterra, Alemaña, Italia, Suíza, Austria, Suecia, Dinamarca e de distintos países do leste de Europa e de América.

Ademais, como actividade complementaria a esta celebración organizarase a conferencia “O valor do invisible. A arquitectura como fonte de vida” que impartirá o arquitecto Víctor López Cotelo o venres, 7 de outubro, ás 19:30 horas no Museo das Peregrinacións e de Santiago, dada a súa relación profesional e persoal con José Otero Pombo. A continuación, poderase seguir coa conversa de forma máis distendida no espazo da delegación colexial, no baixo cuberta da Praza da Quintana, 1, 1º.

Víctor López Cotelo ten unha especial vinculación con Santiago de Compostela, cidade na que durante varias edicións formou parte do claustro da “Aula de Rehabilitación” na que se formaron numerosos compañeiros de profesión. Desta vinculación dan mostra tamén as obras de arquitectura realizadas, rehabilitando edificios industriais como a Vaquería Carme de Abaixo ou varias curtidurías ao borde do río Sarela recuperadas como conxunto residencial ou centro de formación profesional en Pontepedriña de Arriba, así como as vivendas en Caramoniña, ao lado do parque de Bonaval que destacan na paisaxe da cidade.

Víctor López Cotelo (Madrid, 1947) finaliza os seus estudos de Arquitectura en 1969 na Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid (ETSAM). De 1970 a 1972 traballa en Múnich. Desde 1972, de volta de Alemaña, traballa no estudio de Alejandro de la Sota ata 1979. A partir de entón, exerce a súa actividade profesional independente. En 1982 comeza o seu labor docente na ETSAM como profesor encargado do Curso de Proyectos ata 1986. En 1993 é profesor invitado na Escola de Arquitectura da Technische Universität München. En 1995 convértese en catedrático de Proxectos e Intervención no Patrimonio na ETSAM.

López Cotelo é membro da Academia das Artes de Berlín, membro correspondente da Academia das Belas Artes de Baviera e Medalla de Ouro da Arquitectura Española. A súa actividade profesional mereceu diversos premios e complétase con cursos, conferencias, seminarios, mesas redondas, exposicións, e participación en xurados, tanto nacionais como internacionais.

Aínda que a conferencia é de libre acceso para calquera persoa interesada, é necesaria a inscrición previa para una axeitada organización (ENLACE).

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE PONTEVEDRA

TEMA.- Exposición “Obras Galegas Premiadas na XV Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo”, ciclo IV Triálogos de Arquitectura, I Concurso de Debuxo Infantil e conferencia do arquitecto portugués Gonzalo Byrne

A Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia conmemora este ano o Día Mundial da Arquitectura baixo o lema “Arquitectura para o benestar” en torno a unha serie de actos que pretenden achegar a influencia da arquitectura nas condicións de vida da sociedade. Accións con diferentes formatos e enfoques dirixidas a toda a cidadanía achegándose, especialmente nesta ocasión, á singular percepción do seu entorno próximo por parte da infancia. Para este fin deseñou os seguintes actos:

- Exposición sobre as “Obras Galegas Premiadas na XV Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo”, que se poderá visitar do 3 de outubro ao 3 de novembro no espazo do primeiro andar do edificio do Mercado de Pontevedra. A inauguración será o luns, día 3 de outubro, ás 18:00 horas e contará coa asistencia de diversas autoridades. Ademais, no acto o presidente da Delegación de Pontevedra do COAG, Anselmo Villanueva, lerá un manifesto do Día Mundial da Arquitectura.

A mostra está organizada polo COAG en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Vivenda e Territorio da Xunta de Galicia. Na última Bienal convocada seleccionáronse 70 traballos de entre todos os presentados, dos cales 14 eran de arquitectos galegos. Resultaron finalmente premiadas as seguintes cinco obras galegas, das que se poderán ver na exposición:

• Banco do Piñeiro no miradoiro da Pedra da Ra (Ribeira), de Carlos Seoane. Proxecto para xerar camiños nun contorno onde se unen valores patrimoniais diversos –históricos, paisaxísticos e botánicos–, situado en Castro da Cidá na estrada de Ribeira a Carreira.

• Rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en Miraflores (Muros), de Fuertes Penedo Arquitectos, obra dos arquitectos Iago Fernández Penedo e Óscar Fuertes Dopico que dan forma a unha idea de proxecto que busca resaltar a súa identidade, dignificando o preexistente e creando un espazo interior fluído e bañado pola luz e dirixido ás vistas.

• Intervención realizada no campo de fútbol de A Gandareira (Silleda), de Abraham Castro e Carlos Pita. Situado no límite do casco urbano, no lugar de Bandeira, concretamente na parroquia de Manduas do Concello de Silleda, nun espazo indefinido entre o rural e o urbano, nesa xeografía dispersa que tanto caracteriza ao hábitat galego.

• Estrutura efémera Tribuna Pública (A Coruña), de Flu-or Arquitectura e Alba González, instalación temporal na praza situada nas inmediacións da Fábrica de Tabacos da Coruña, un espazo permeable de encontro para a cidadanía.

• Complexo Turístico de Albeida (Outes), de Salgado e Liñares Arquitectos, intervención hoteleira no lugar de Albeida no Concello de Outes, no fermoso vértice da ría de Muros e Noia, con nove aloxamentos exentos e de nova planta que deben complementar a rehabilitación de catro construcións tradicionais, obra de Alfonso Salgado e Francisco Liñares.

- IV Triálogos de Arquitectura: A Casa Sa. Unha nova edición dos Triálogos de Arquitectura desenvolverase durante o mes de novembro e permitirá coñecer, nun formato de participación de estudios de arquitectura a tres bandas, aquelas arquitecturas de tipoloxía de vivenda que son exemplo de construcións saudables, non só pola calidade de habitabilidade e benestar que ofrecen, senón pola súa influencia na saúde mental e física das persoas que as ocupan.

- I edición Concurso de Debuxo Infantil: “A Supercasa”. A Delegación en Pontevedra do COAG convocará na primeira semana de outubro o seu I Concurso de Debuxo Infantil, nesta ocasión, baixo o lema “A Supercasa”. Un xurado presidido polo recoñecido ilustrador buenense Luis Davila avaliará os debuxos presentados por cativos de 1º a 6º de infantil. As obras representarán, con técnica libre, a idea do que deberá ser unha casa ideal, a súa Supercasa, tendo moi presente aquelas carencias que durante a pandemia teñan detectado ou experimentado nos seus propios fogares. Haberá 3 categorías en función das idades e tres premios por cada categoría, con premios de 250€, 150€ e 100€ en vales de material de debuxo ou libros.

- Conferencia do arquitecto portugués Gonzalo Byrne, o 10 de novembro ás 19:30 horas na sala de conferencias do primeiro andar de A Casa das Campás en Pontevedra. Será unha charla aberta a todo o público onde expoñerá a súa traxectoria e obras máis senlleiras, internacionalmente recoñecidas e premiadas.

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE VIGO

TEMA.- Exposición “Arquitectura do Camiño” no marco do festival Galicia Design Weekend na delegación viguesa do COAG

A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia organiza, con motivo do Día Mundial da Arquitectura e no marco do festival Galicia Design Weekend, a exposición “Arquitectura do Camiño”, unha selección de proxectos non residenciais realizados entre os anos Xacobeos 2011 e 2021 comisariada polo arquitecto Jordi Castro, socio do estudio vigués de arquitectura Castroferro. A mostra, con entrada libre, poderase visitar na sede da Delegación de Vigo do COAG (rúa Doutor Cadaval, 5) desde mañá sábado, 1 de outubro, ata o 29 de outubro (Horarios: De luns a venres de 18 a 20 horas e os sábados de 12 a 14 horas e de 17 a 19 horas).

O festival Galicia Design Weekend está organizado pola asociación Galicia Design e a axencia Follow e patrocinado pola Xunta de Galicia, a través do seu programa O Teu Xacobeo. Tamén colaboran o COAG de Vigo, a Galería Maraca, Cervezas Alhambra, Miraveo e Verde. Esta nova edición do festival, por primeira vez en Vigo, reúne o mellor do deseño galego con referentes de fóra Vigo, cidade que se converte na capital do deseño do noroeste peninsular cun festival gratuíto, híbrido e dentro do circuíto internacional de semanas do deseño (https://www.gdw.gal/).

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE OURENSE

TEMA.- Conferencia de Fernando Nebot: “A mobilidade motorizada secuestrou o espazo público” no Liceo de Ourense

A Delegación de Ourense do COAG celebrará o vindeiro luns-3 unha conferencia titulada “A mobilidade motorizada secuestrou o espazo público”, que impartirá o experto en mobilidade, o enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos Fernando Nebot Beltrán no Liceo de Ourense (rúa Valentín Lamas Carvajal, 5) ás 19:30 horas.

Nebot explica que en moitas cidades o espazo público perdeu versatilidade e riqueza, poñéndose por riba a mobilidade motorizada. “Es preciso recuperar el espacio público para las personas, para poder pasear, encontrarse por la calle y, por supuesto, que los niños puedan jugar” –apunta–. Ademais, Nebot sinala que o espazo público é un dereito que se debe rescatar y reivindicalo perdido nas últimas décadas. Considera que o problema non é o tráfico urbano motorizado, senón que sinxelamente as medidas aplicadas en moitas cidades só intentan xestionar a conxestión do tráfico, e non dan prioridade ao peón que debería estar sempre en primeiro plano. “El espacio público es la antesala de la vivienda y debemos hacer uso de él” –manifesta–.

  • All
  • Andalucía
  • CastillaLaMancha
  • CastillayLeon
  • ComunidadValenciana
  • Extremadura
  • Galicia
  • IslasBaleares
  • IslasCanarias
  • LaRioja
  • Madrid
  • Murcia
  • PaísVasco

Este sitio web utiliza cookies para mejorar la experiencia de usuario. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Si necesita más información acceda al enlace que se muestra a continuación o cierre esta ventana.